Filloas galegas

2015-02-14 19.49.11Ingredientes:

· 5 ovos
· 200 g. de fariña
· ½ l. de auga morna
· 30 g. de manteiga en anacos, desfeita na auga
· un chisco de sal
· un anaco pequeno de touciño ou cansalada
· un pouquiño de aceite

As filloas son unha receita tradicional, típica do entroido en Galicia. Adóitanse tomar con azucre ou mel, de sobremesa ou merenda.

Na Base preparámolas, e foron todo un éxito entre os peques e os maiores. Animádevos a facelas, son moi doadas, económicas, e sobre todo, deliciosas!

Fixémolas recheas de mel ou nocilla, pero tamén lles podedes untar calquera outra crema doce, dende marmelada ata doce de leite. Mesmo soas están ricas.

Preparación:

Nun bol, disolvemos a manteiga na auga quente.

Noutro bol grande, mesturamos os ovos e engadimos a fariña e o sal. Incorporamos a auga coa manteiga e batemos todo co batedor para que non queden grumos. Deixamos repousar a mestura (chámaselle amoado) media hora.

Preparamos a cansalada nunha cunca pequena con aceite na que a deixamos mergullada.

Cando o amoado repousou, comezamos a facer a quenda de filloas. Quentamos ben a tixola. Collemos a cansalada coa man, e a “mollamos” no aceite da cunca, e untamos rápido toda a tixola. Coa axuda dun cullerón, vertemos un pouco da mestura e inclinando a tixola, tratamos de conseguir que se reparta por toda a superficie, a capa ha de ser o máis fina posible, mesmo con buratos. En canto os bordes se despeguen da tixola, collemos a filloa coa man ou coa axuda dunha espátula e dàmoslle a volta para que se faga polo outro lado. Fanse deseguida. Volvemos a engraxar a tixola cada tres filloas ou así, e repetimos a operación. Imos amoreando todas as filloas nun mesmo prato, unha sobre outra. Despois cada comensal sérvese, e no seu prato úntalle o mel, etc. Adóitanse enrolar… Que ricas!

Leave a Reply

L'adreça electrònica no es publicarà Els camps necessaris estan marcats amb *